Colaboración entre empresas e centros de formación profesional
A formación profesional prepara aos futuros traballadores cualificados para se empregar no sector produtivo. O referente formativo é a realidade empresarial e as súas necesidades de cualificacións. Por iso é imprescindible a colaboración coas empresas, xa que estas exercen un papel esencial nas diferentes familias profesionais.
A colaboración e a relación entre as empresas e a formación profesional, en particular coas empresas dos sectores claves da economía galega, permite un maior aproveitamento dos recursos da nosa comunidade, favorece a inserción laboral das persoas tituladas de formación profesional, mellora da competitividade das empresas, e permite a cualificación e recualificación das persoas traballadoras, incluído a do profesorado de formación profesional o que redunda nunha maior formación e cualificación nos futuros titulados de FP.
Pulsando nas seguintes iconas atopará mais información das diferentes vías de colaboración cos centros de formación profesional:
Dende sempre as empresas veñen colaborando cos centros de formación profesional na formación do seu alumnado, a través do módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT). Este período na empresa é o que tradicionalmente chamamos prácticas. Realízase ao remate do segundo curso, unha vez que o alumnado ten superado o resto de módulos do ciclo e ten unha duración de algo máis de dous meses, sendo a convocatoria habitual nos ciclos ordinarios entre abril e xuño. No caso das modalidades de FP en réxime adulto, soen facer a FCT entre de setembro a decembro ou entre xaneiro e marzo. A incorporación do alumnado na empresa para estas prácticas non requiren alta na seguridade social nin supoñen ningún tipo de remuneración.
Cando unha empresa quere colaborar máis activamente na formación do alumnado pode optar por un convenio para a formación Dual. Neste caso, o tempo de formación na empresa abrangue dende o 6 meses ata os 18, segundo o plan de formación pactado. Na FP Dual si é preciso que a empresa dea de alta ao alumnado na Seguridade Social, se ben farao en calidade de bolseiro, polo que non haberá relación laboral contractual. Igualmente, no período que o alumnado se forme na empresa recibirá unha bolsa económica mensual que non poderá ser inferior á metade do SMI.
Na FP Dual existen dúas modalidades:
- FP Dual de grupo completo: o alumnado fórmase en modalidade dual xa dende o primeiro curso, alternando a súa formación entre o centro educativo e o centro de traballo durante todo o tempo que dure o ciclo (2-3 anos).
- FP Dual de 2º curso: dirixida a alumnado do centro que xa cursou o primeiro curso dun ciclo e cando chegan a segundo se lles ofrece a posibilidade dunha bolsa dual para completar a súa formación na empresa entre xaneiro e xuño dese mesmo curso.
A través do departamento de Orientación e Información Profesional, o CIFP Paseo das Pontes pon á disposición do alumnado e das empresas un servizo gratuíto de bolsa de emprego.
Se a súa empresa quere ofertar un posto de traballo relacionado con algún dos perfís profesionais do noso centro pinche no seguinte enlace:
- Acceder á bolsa de emprego.
- Tamén pode poñerse contacto co Departamento de Información e Orientación laboral do CIFP Paseo das Pontes, ben no teléfono do propio centro, ben no seguinte correo electrónico: orientacion.cifp.paseodaspontes@edu.xunta.gal
No primeiro semestre do ano, a Consellería soe publicar unha relación de empresas que están dispostas a acoller ao profesorado nas súas instalacións durante un período breve de tempo (de 1 a 4 semanas), de forma que poidan afondar nun mellor coñecemento do sector produtivo e mellorar a formación do alumnado nas aulas. Preténdese así:
- Coñecer directamente os procesos produtivos que se desenvolven nas empresas.
- Formar ao profesorado mediante o seu achegamento ao mundo produtivo e aos seus avances tecnolóxicos.
- Coñecer o manexo de tecnoloxías e maquinarias de uso na empresa
- Ver a organización da empresa e a posta en marcha de metodoloxías áxiles nun entorno de traballo real.
Con este procedemento preténdese que traballadores sen cualificación profesional recoñecida, pero que contan con experiencia laboral, poidan participar nun proceso de acreditación de competencias profesionais para que as competencias e habilidades que posúen poidan ser recoñecidas de maneira oficial.
Para máis información pulsa no seguinte enlace.
Os continuos e rápidos avances tecnolóxicos que se están a dar na sociedade e no mercado laboral esixen unha formación profesional en permanente evolución, integradora de novas ideas e tendencias e con capacidade para adaptarse as cambiantes necesidades do mundo produtivo.
A innovación tecnolóxica na formación profesional deberá permitir a transformación do coñecemento e da creatividade na mellora de procesos, produtos ou servizos que podan supoñer un incremento da competitividade das nosas empresas, á vez que facilitará unha formación de calidade, na que galegos e galegas vexan mellorada a súa empregabilidade e as súas posibilidades de proxección e inserción profesional.
Nesta aposta do CIFP Paseo das Pontes pola innovación faise necesaria a colaboración das empresas da contorna. Nalgúns casos son estas as que se dirixen ao noso centro cunha idea para desenvolver conxuntamente un proxecto innovativo, noutros é o profesorado o que busca posibles socios colaboradores.
Expertos do mundo empresarial e produtivo relacionados coas nosas familias profesionais ofrecen ao noso alumnado charlas nas que transmiten o seu coñecemento e a súa experiencia no que pretenden ser un achegamento á realidade do mercado laboral e unha posta en valor ca cultura emprendedora dos participantes.
A principios de curso, dende as xefaturas dos distintos departamentos das familias profesionais de Hostalería e Turismo, Industrias Alimentarias e Téxtil, Confección e Pel, preparan un calendario de actividades complementarias para a formación do alumnado ao longo do curso nas que se inclúe non só posibles charlas, senón tamén visitas a distintas empresas.
Se vostede quere compartir o seu saber facer con nós pode enviarnos un correo electrónico coa súa proposta.
Próximos eventos
¿Tes dúbidas? Pregúntanos no mail info@paseodaspontes.gal.