O CIFP Paseo das Pontes celebra o seu 25º Aniversario cun Desfile Inesquecible!
Onte, o CIFP Paseo das Pontes vestiuse de gala para conmemorar o seu 25º Aniversario cunha celebración que quedará na memoria de todos. O evento central foi un desfile único, un auténtico espectáculo onde o talento do noso alumnado dos ciclos de Téxtil, Confección e Pel brillou con luz propia.
Foi unha viaxe fascinante a través do tempo, onde as cores corporativas do noso centro e as distintas familias profesionais serviron de fío condutor, amosando a evolución e a creatividade que nos define.
A amenización musical correu a cargo da excepcional Big Band do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que, como xa puidestes comprobar, achegou un toque de distinción e ritmo á pasarela. Queremos agradecer tamén a inestimable colaboración da Escola de Imaxe e Son da Coruña, as mans que fan maxia co estilo do CIFP Someso, e o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, que aportou a beleza da natureza coa súa ornamentación de fentos arbóreos e arranxos florais.
Un percorrido pola creatividade do noso alumnado



















A pasarela iniciouse coas creacións vibrantes do alumnado do Ciclo Medio de Confección e Moda, con pezas realizadas en tecidos estampados e deseños elaborados polo propio alumnado.
Seguidamente, o alumnado de primeiro curso na modalidade Dual presentou 12 propostas que reinterpretaron a historia da moda, amosando unha multiplicidade de expresións de creatividade e identidade.
O segundo curso do Ciclo Medio de Confección e Moda ordinario sorprendeu con 13 deseños organizados en tres bloques, dende suadoiros personalizados ata saias de caída natural. Pola súa banda, o segundo curso da modalidade Dual do mesmo ciclo amosou 8 saídas con técnicas de transformación de patróns aplicadas á confección a medida de saias, blusas e tops.
As creacións dos dous cursos do Ciclo Superior de Patronaxe e Moda combináronse en 17 composicións, dende o máis informal ata o máis formal, con chaquetas sastre que demostraron todo o potencial do alumnado.
Para rematar coas presentacións individuais dos ciclos, o Ciclo Superior de Vestiario a Medida e Espectáculos destacou pola súa identidade cromática e a adaptación ao deseño escénico. O primeiro curso amosou, entre outras, as colaboracións con outras institucións, como o vestiario realizado para a obra ‘Fábrica de Fume’ do Centro Dramático Galego. O segundo curso subiu a aposta cunha representación de vestidos e conxuntos máis elaborados, onde a técnica e a creativeidade se uniron para ofrecer pezas verdadeiramente únicas
Un agradecemento especial para o Conselleiro Román Rodríguez dedicou un emotivo discurso, agradecendo de corazón a todas as autoridades, ao noso director e a todo o equipo directivo, ao profesorado e persoal do centro polo seu incansable traballo, e por suposto, ao alumnado, verdadeiro protagonista.

Non podemos esquecer a magnífica Big Band, o CIFP Imaxe e Son, o CIFP Someso, o CIFP Compostela, o CIFP Ferrolterra e o CFEA de Guísamo pola súa presenza e apoio fundamental. Tamén queremos expresar o noso agradecemento ás empresas colaboradoras, parte activa da nosa formación, e a todos vostedes por acompañarnos e compartir estes 25 anos de historia.









A celebración rematou cunha merecida degustación nos stands situados arredor e nas galerías do centro, onde o alumnado e profesorado da familia profesional de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias prepararon con gran profesionalidade unha mostra de distintos pratos elaborados ao momento, acompañados dun ágape de despedida. Foi unha oportunidade perfecta para coñecer mellor o noso traballo diario, froito de 25 anos de cariño e esforzo.

















Grazas a todos por facer deste 25º Aniversario un día inesquecible!
CIFPPaseoDasPontes #25Aniversario #ModaGalega #FormaciónProfesional #DesfileDeModa #HostalaríaeTurismo #TalentoGalego