O alumnado de Servizos do CIFP Paseo das Pontes acada o 2º premio no VII Concurso de Corte de Xamón

O CIFP Paseo das Pontes continúa sumando éxitos na formación en Hostalaría. A nosa alumna de hostelaría, na especialidade de servizos de restauraciónSara Gagino, conseguiu o 2º premio no VII Concurso de Corte de Xamón, celebrado recentemente no IES Hotel Escuela de Madrid.

Neste certame, que reúne alumnado de centros de formación de diferentes puntos do Estado, Sara demostrou un alto nivel técnico, precisión no corte, corrección na presentación e unha actitude profesional exemplar, acadando un merecido recoñecemento por parte do xurado.

A alumna participou na competición acompañada polo seu profesor Luis López-Rioboó, que guiou e apoiou o seu traballo durante toda a preparación e desenvolvemento do concurso. A experiencia supuxo unha oportunidade formativa de grande valor, permitindo ao alumnado enfrontarse a un contexto real e esixente, similar ao que atopará no ámbito profesional.

Este resultado pon de manifesto a calidade da formación práctica que se imparte no CIFP Paseo das Pontes, así como o esforzo, a dedicación e o compromiso tanto do alumnado como do profesorado da familia profesional de Hostalaría.

Desde o centro queremos felicitar a Sara Gagino polo seu excelente resultado e agradecer o labor do profesorado que fai posible que o noso alumnado participe e destaque en certames deste nivel.

Seguimos formando profesionais preparados, con talento e proxección.

Deja una respuesta

Start typing and press Enter to search