Aprendendo sobre a excelencia en servizos e cociña: percorrido por establecementos emblemáticos de Santiago.
Hoxe o alumnado de segundo curso de Dirección de Servizos e Dirección de Cociña tiveron a oportunidade de realizar unha visita guiada por algúns dos lugares máis emblemáticos de Santiago de Compostela.
A xornada comezou en Casa Beatnik Hotel, un hotel boutique situado nun pazo do século XVIII. Alí, os estudantes puideron coñecer as instalacións do hotel, incluíndo as habitacións do pazo, as do glamping, os diferentes restaurantes, a bodega e os salóns. Os responsables do hotel explicaron aos alumnos as características de cada un destes espazos e como se adaptan ás necesidades dos diferentes tipos de clientes.











A continuación, o grupo trasladouse ao Hotel Monumento San Francisco, un antigo convento convertido nun hotel de luxo. Neste caso, os alumnos puideron percorrer os diferentes salóns, claustros, sala de reunións e salón de actos do hotel, así como a cociña. Os responsables do hotel destacaron a importancia de conservar a historia e a cultura do edificio no seu deseño e decoración.






Para rematar a xornada, os alumnos dirixíronse ao mercado de abastos de Santiago de Compostela. Alí, puideron coñecer a oferta gastronómica da cidade, que inclúe produtos frescos e de tempada, así como pratos tradicionais da cociña galega.

Dende o instituto, queremos agradecer a Casa Beatnik Hotel, ao Hotel Monumento San Francisco e ao mercado de abastos de Santiago de Compostela a súa colaboración na organización desta visita guiada.