25 anos despois, a primeira promoción de Cociña regresa ao CIFP Paseo das Pontes

O CIFP Paseo das Pontes viviu recentemente unha xornada moi especial coa visita de integrantes da primeira promoción do ciclo de Cociña, que regresaron ao centro 25 anos despois para compartir unha experiencia única co alumnado actual.

Profesionais do sector hostaleiro como Pablo Pizarro, creador de La Empanada ViajeraÓscar Vilariño, xefe de cociña do restaurante A Marola do Hotel Zenit; ou Pablo Fuentes, da cervexaría Xentes de Ferrol, volveron ás aulas onde deron os seus primeiros pasos na formación culinaria. Alí participaron na elaboración dun menú xunto ao alumnado actual, culminando a xornada cunha comida interxeracional que simbolizou o encontro entre pasado, presente e futuro da FP.

Durante a visita, os antigos alumnos lembraron como foron aqueles inicios, nun centro moito máis pequeno e cunha oferta formativa moi diferente á actual. Destacaron tamén a evolución da Formación Profesional e da relación co tecido empresarial, hoxe plenamente consolidada, así como a importancia da formación recibida no seu desenvolvemento profesional.

Esta xornada converteuse nun emotivo recordatorio de que a Formación Profesional non só forma profesionais, senón que crea comunidade, identidade e vínculos que perduran no tempo.

Deja una respuesta

Start typing and press Enter to search